A Xunta reforza a colaboración co CSIC para o desenvolvemento dos proxectos ‘Planctox’ e ‘Bivalfood’ dotados con preto de 440.000 euros

28 de Xullo de 2025

A conselleira do Mar destaca a aposta do Goberno galego pola investigación mariña como ferramenta para afondar na competitividade e nos principais desafíos aos que se enfronta a actividade marisqueira  

  • O primeiro proxecto está centrado nos parámetros ambientais que inflúen na produción dos bancos marisqueiros da ría de Pontevedra e o segundo nas zonas produtivas da ría de Vigo 

  • Ambas iniciativas serán desenvolvidas ata o 2027 e están enmarcadas na rede de colaboración entre os centros de investigación mariña autonómicos e o sector pesqueiro, Redemar, que na actualidade mantén un total de 16 proxectos en curso

A Xunta continúa impulsando novos proxectos de investigación co obxectivo de reforzar a competitividade do sector pesqueiro e marisqueiro e dar resposta aos principais desafíos aos que enfronta a actividade extractiva no marco dos efectos do cambio climático. Neste contexto, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, asinou hoxe dous novos convenios de investigación co Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) para o desenvolvemento dos proxectos Planctox e Bivalfood aos que destina un total de case 440.000 euros cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa).

A responsable autonómica salientou que estas novas accións investigadoras amosan o firme compromiso do Goberno galego no desenvolvemento de medidas que permitan garantir a sostibilidade da actividade marisqueira en Galicia. Unha liña de traballo na que a Administración autonómica traballa man a man co sector cunha aposta decidida pola innovación, na que Galicia está á vangarda. Tamén, destacou a importancia deste sector en termos económicos e de emprego así como provedor de alimentos de excelente calidade.

O primeiro proxecto aborda o estudo dos parámetros ambientais máis influentes para reducir o descenso produtivo nos bancos marisqueiros de Lourizán, Campelo e Combarro, na ría de Pontevedra. Así, o principal obxectivo é identificar as variables que afectan ao desenvolvemento destes organismos acuáticos e que teñen un impacto directo na súa supervivencia. Deste xeito, levarase a cabo accións para coñecer os factores  implicados na proliferación de fitoplancto tóxico a través do monitoreo intensivo das variables físicas, químicas e biolóxicas nas zonas produtivas, así como o estudo da resposta destas algas ao quecemento da auga e a súa acidificación para prever a evolución da súa expansión.

Por outra banda, o segundo proxecto investigará iniciativa busca identificar as fontes de alimento dos bivalvos ao longo dun ciclo anual, caracterizar as propiedades do sedimento e da auga que favorecen a súa dispoñibilidade, e avaliar o impacto de eventos climáticos extremos, como ondas de calor ou grandes riadas. A partir destes datos, proporcionáranse ferramentas para facilitar a toma de decisións no sector do marisqueo a pé e mellorar a súa xestión. Esta acción, na que colabora a Confraría de Pescadores de Vilaboa, é pioneira xa que é a primeira vez que se aborda o estudo da alimentación dos bivalvos intermareais cun enfoque centrado nas microalgas bentónicas en luar das planctónicas.

Horizonte 2027

Estas iniciativas no ámbito da investigación mariña serán realizadas polo Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) prolongaranse ata o 2027 e están enmarcadas na rede de colaboración entre os centros de investigación mariña autonómicos e o sector pesqueiro, Redemar, que na actualidade mantén un total de 16 proxectos en curso.

 

Logo cofinanciado