A conselleira do Mar presidiu o Consello Galego de Pesca
-
A responsable autonómica puxo en valor a cogobernanza que rixe na xestión pesqueira da comunidade como modelo de éxito e avogou por implantalo a nivel comunitario integrando ás rexións altamente dependentes da pesca na toma de decisións
-
A titular de Mar tamén defendeu a necesidade de manter no próximo marco financeiro un fondo comunitario específico para asuntos pesqueiros como o actual Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura
-
A flexibilización e adaptación das normativas europeas, o reforzo das accións dirixidas a garantir a remuda xeracional, a protección da pesca artesanal ou a aplicación dos principios do level playing field no comercio pesqueiro entre as demandas do sector
Con motivo da visita do comisario europeo de Pesca e Océanos, Costas Kadis, a Galicia, hoxe celebrouse en Vigo o Consello Galego de Pesca no que o sector tivo a oportunidade de trasladar directamente as súas demandas ao responsable comunitario. A conselleira do Mar, Marta Villaverde, presidiu o encontro no que manifestou a importancia da presenza do responsable comunitario en Galicia xa que serviu para trasladar de primeira man a dimensión da cadea mar-industria galega e o seu impacto na principal rexión pesqueira de Europa.
No encontro, Marta Villaverde destacou xunto ao sector a necesidade de acometer unha reforma da Política Pesqueira Común (PPC) que garanta o equilibrio entre os factores económicos, sociais e ambientais. O obxectivo debe ser garantir a sostibilidade presente e futura da pesca que xoga un papel determinante como provedor de alimentos de máxima calidade contribuíndo á soberanía alimentaria de todo o continente.
A titular de Mar puxo en valor a cogobernanza que rexe na xestión pesqueira da comunidade e que situou como un modelo de éxito destacando ao Consello Galego de Pesca como o maior expoñente de esa estreita colaboración entre Administración autonómica e o propio sector. Nesta liña, avogou por implantar o modelo galego a nivel comunitario integrando ás rexións altamente dependentes da pesca e ás principais entidades sectoriais na toma de decisións que teñen lugar en Bruxelas.
A responsable autonómica tamén defendeu a necesidade de manter no próximo marco financeiro da Unión un fondo específico para asuntos pesqueiros como o actual Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa). Unha ferramenta que cualificou como imprescindible para garantir a viabilidade do sector, reforzar a súa competitividade, velar pola seguridade alimentaria e facelo mais resiliente. Galicia, como principal rexión pesqueira de Europa, é unha das principais beneficiarias destes recursos que fan posible o desenvolvemento de accións que afondan na competitividade e sustentabilidade do sector así como o impulso da economía azul cun especial impacto nas comunidades costeiras.
A conselleira do Mar recordou que foi precisamente no Consello Galego de Pesca onde foi consensuado este mesmo ano o Decálogo Estratéxico de Galicia na defensa dos seus intereses ante a revisión da PPC. Un documento no que Galicia asume con responsabilidade o seu liderado no ámbito pesqueiro aportando solucións aos desafíos aos que se enfronta a pesca. Unhas propostas que parten da experiencia e coñecemento acumulado da Administración autonómica e sector que poñen ao servizo da Comisión Europea.
Demandas do sector
A flexibilización e adaptación das normativas europeas a realidade da actividade pesqueira e a aplicación dos principios do level playing field no comercio pesqueiro foron algunhas das demandas do sector. Nesta liña, abordouse a necesidade dun tratamento máis específico e dotar dunha maior protección á pesca artesanal dado que representa de xeito singular a explotación sostible dos recursos mariños e o consumo de proximidade e, polo tanto, con baixa pegada de carbono.
A remuda xeracional foi outra das necesidades trasladadas. A conselleira do Mar destacou o labor da Xunta neste punto con centros de formación autonómicos que son referencia nacional e internacional. Con todo, indicou que é preciso traballar por achegar a actividade ás novas xeracións, mellorar as condicións de traballo e ampliar as políticas de captación de novo talento máis alá da frota senón que ao conxunto da cadea mar-industria. Unha liña de traballo que exixe a coordinación e o compromiso do conxunto dos axentes implicados.
Promoción consumo
Nun contexto de progresivo descenso do consumo dos produtos pesqueiros, tamén requiriuse a participación e compromiso da Comisión no deseño e realización de medidas que permitan reverter a tendencia dos últimos anos. Os alimentos mariños teñen unhas propiedades nutritivas que os fan indispensables no marco dunha dieta equilibrada contribuíndo a mellorar a saúde e benestar dos consumidores. Neste punto, Marta Villaverde destacou o Bono Peixe como acción pioneira e as campañas de promoción como GALICIA SABE AMAR cofinanciadas co Fempa.
Desde a industria transformadora reiterouse a petición de establecer un marco normativo que evite a etiquetaxe e comercialización de produtos de orixe vexetal con termos que inducen aos consumidores a pensar que son produtos pesqueiros. Unha práctica que dana os intereses comerciais do sector e priva á cidadanía dunha etiquetaxe clara, veraz e transparente.